Archivo | Concurso RSS for this section

I Concurso “Mella Montenegro”

En 1880 o fiscal propuxo a libre absolución do poeta de 28 anos Curros Enríquez do delito contra o libre exercicio dos cultos relixiosos.

Non foi o seu delito tan grave como o de aquel que pasou polo medio dunha procesión co sombreiro posto, e chegando ata a custodia e o alcalde, desobedece a orde de se descubrir e, ainda que o mesmo alcalde lle quitou o sombreiro, teimou e volveu poñelo unha e outra vez. Nin quixo o poeta ir comungar estando bébedo e, rexeitándo o sancristán tal cousa, foise a unha horchatería a fachandear de comungar despois de inxerir a horchata. Xa o caso dos mozos que sacaron un crufixo nunha escaleira a procesionar detrás dunha guitarra queda ben lonxe da falta de Curros. Estes casos que nos conta Benito Montero Prego na obra O proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880-1881) (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; Ourense: Ilustre Colexio de Avogados, 2001) non son comparables coa malicia de Curros.

El escribiu poemas onde daba consellos como o seguinte: Hache servir de goberno: / Pra irmos ó ceo oxe en día / Cómpre permiso d’o inferno. E non debeu atopar o antedito permiso do Inferno, porque o xuiz Manuel Mella Montenegro, a pesar da proposta do fiscal e de recoñeceren que Curros non tiña intención de causar tanto mal como causou, non lle quedou outra que envialo dous anos, catro meses e un día de prisión, e multalo con 250 pesetas, posto que “a relixión do Estado é a católica e é a que profesan a inmensa maioría dos españois e (…) é verdade firme é innegable a existencia de Deus.

 En lembranza do xuíz Montengro, que pasou á historia da infamia por condear ó autor da A Virxe de Cristal, convocamos o “I Premio de Literatura Montenegro”. Vicisitúdico, anecdótico e irreverente a forza de convencional.

2012-11-12_IMG_2012-11-12_17-35-04_curros.jpg

Bases:

Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa maior de dazaoito anos que presente escritos inéditos da súa autoría en calquera das linguas oficiais de Galiza cunha extensión máxima de 250 follas tamaño A4 escritas por una cara e mínima de 50 follas coas mesmas características.

Segunda: O prazo de entrega acaba o día 1 de setembro de 2017 e os orixinais deberán entregarse no enderezo electrónico montenegro@trymar.com co asunto “Concurso”. No corpo da mensaxe pode aparecer o lema e/ou pseudónimo da autora ou autor.

Terceira: Os orixinais presentaranse en formato .pdf, .odt, .doc o .docx, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times New Roman de corpo 12 e a dobre espazo. Os orixinais irán acompañados dun arquivo .txt coa identidade da autora ou autor (nome completo, enderezo postal e electrónico e teléfono de contacto) e o título definitivo da obra.

Cuarta: A obra gañadora será premiada con 450 euros e a publicación da súa obra a cargo da Editorial Trymar. A contía do premio aboarase en concepto de dereitos de autor e dos exemplares gratuitos da primeira edición.

Quinta: o xurado estará composto por persoeiros do mundo da cultura escollidos polos responsables da Editorial Trymar.

Sexta: A gañadora ou gañador será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.

Sétima: A participación no concurso implica a cesión á Editorial Trymar dos dereitos de edición. A Editorial Trymar resérvase o dereito a publicar, xunto ó fallo, os títulos das obras seleccionadas cuxa publicación se recomenda. En calquera caso, a decisión será comunicada ós seleccionados.

Oitava: O fallo do Xurado terá lugar en Vigo, o 30 de setembro de 2017.

Novena: A participación neste premio conleva a aceptación das presentes bases, así como da decisión do xurado.

I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica

Antón Risco foi fillo de Vicente Risco. Non tan coñecido como o seu pai, pero autor dunha extensa obra relacionada coa literatura fantástica e, sen dúbida, menos recoñecido do que a súa obra merece, leva o nome deste primeiro evento literario organizado pola Fundación Vicente Risco, a editorial Urco, a imprenta Sacauntos, a libraría Aira das Letras, a libraría Traga-mundos, a pastelería Fina Rei e o restaurante Pingallo.

Como non podía ser doutro xeito, levando o nome de Antón Risco, e estando organizado pola editorial Urco, o motivo do concurso é a literatura fantástica, non sendo requisito para presentar a obra a pertenza ó xénero fantástico, posto que nas bases non se inclúe. Pensamos que é un acerto por parte da organización, posto que amplia o abano de posibilidades literarias, ó tempo que é evidente a simpatía da que van gozar as obras que se poidan incluir neste xénero.

Temos confesado moitas veces o noso gusto pola literatura de xénero, polos malpocados apelidos dos que renegan tantos autores, así que non podemos deixar de mirar con simpatía este novo premio, ó tempo que voltamos gabar ós organizadores, que se por algo salientan é pola súa aberta negativa á pertencer á calquera tribo intelectual que non leve o seu propio ADN sentimental.

bases_risco_mapadebitsGL

Semana de novela histórica

A partir de mañán e ata o domingo, se pasades por Cuenca, non deixedes a de asistir ó Foro arredor da novela histórica que se vai celebrar en Quintanar del Rey. Asistirán, entre outros, Alberto Váquez Figueroa, Sánchez Dragó ou León Arsenal, ademáis de Augusto Ferrer Dalmau. Haberá en total máis de dez conferencias relacionadas coa temática da novela histórica onde se analizarán o proceso creativo neste ámbito, e nos que participarán autores e editores de todo o Estado.

Por outra banda, estes días celebrarase nesta localidade a 1º Feira da Semana do Libro Histórico (SENOHI), onde ademáis de poder adquirir as últimas novidades deste xénero, poderase contar coa sintura dos seus autores. E entregarase o 1º Premio de Relatos Curtos de Ambientación Histórica e a presentación do volume que o devandito concurso xenerou.

A EDITORIAL TRYMAR, non estando especializada nesta temática de Novela Histórica, non pode deixar de facer sona destas actividades, aínda que sexa pola envexa que nos produce o feito de que unha poboación como Quintanar del Rey utilice a cultura e os libros para promocionarse e facerse un sitio no mapa sen necesidade de trens rápidos nin grandes e emblemáticos edificios.

Fran Lorenzo

De Fran Lorenzo o que máis coñecemos é o seu magnífico blog, Un país en lata, que probablemente sexa o máis interesante que se mantén daquela blogosfera galega que tanto se empeña en non morrer. Tamén sabemos que é alto e periodista, o que non ten moita relación, polo menos aparentemente. Temos a teoría de que gracias a isto é quen de facerse coa distancia suficiente respecto das cousas das que fala para abordalas con distancia, humor e agarimo. Pero, como decimos, non hai nada confirmado entre esto último e a altura.

O que sí é seguro é que coa obra “Cabalos e lobos” ven de gañalo premio de novela longa Blanco Amor, que é o noso concurso literario favorito. É convocado anualmente por varios concellos galegos, que se rotan na súa organización e dotación, caendo desta vez a responsabilidade no de Redondela. A edición deste ano é a trinta e tres, co que o número tamén lle acae ven á edición. Que Fran Lorenzo escribe ben sábeo todo o mundo que o le e quen non o le e se fía de quen sí o fai tamén o sabe. Pouco hai que discutir disto, este é un dos casos nos que o autor é unha aposta segura, non só pola súa escritura, senon pola súa intelixencia, características que non sempre aparecen xuntas.

Concurso literario

A asociación Afaga ven de convocar o primeiro concurso de relato curto sobre o alzheimer. Afaga é a asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, polo que o dito concurso está patrocinado pola Deputación. Os únicos requisitos son ter máis de dezaseis anos e escribir en galego ou castelán un conto relacionado coa enfermidade do alzheimer de entre un e dous folios (entre 500 e 1.000 palabras). Ainda hai prazo ata o 15 de decembro para presentalas obras no enderezo comunicacion@afaga.com. O concurso non é para profesionais que non desexen unha tableta electrónica de balde, posto que o premio consiste niso.

É curioso que a maioría dos autores que evían obras a editoriais, independemente da calidade da súa obra, sexan tan reacios a probar sorte nos concursos. Aínda que os premios estean tan desprestixiados como aceptadas están as tribos dos concursantes e convocantes, non deixan de ser un bo xeito de contrastala propia obra con alguén que non sexa a nosa parella, veciño ou amigo. Córrese o risco de escoitar opinións non fundamentadas na nosa personalidade nin nos sobrentendidos que compartimos cos lectores habituais das nosas obras inéditas. Pero tamén pódese obtela opinión dun lector imparcial ao que lle dá igual caernos mal ou ben, co que certo grao de sinceridade está garantido, por riba da marea de cínica ignorancia que suporemos a aqueles que non valoren a nosa obra no que cremos que merece.

En calquera caso lembren que un escritor escribe polo pracer de escribir. E o feito mesmo de escribir está sempre por riba do escrito.