Archivo | Feiras RSS for this section

Premios e feiras

Cando vai acabando o ano chegan os premios e feiras culturais. Para empezar a Feira por excelencia, o Culturgal. Xa hai programa definitivo e nós repetímolo, sen moito convencemento, pero coa satisfación do deber cumprido. Non seremos nós quen de desaconsellar que se visite esta feira, pero, para facelo coa conciencia tranquila, o noso consello é para aqueles que teñan pensado ir o venres ou o sábado ou o domingo pola mañá, cando ainda se poida andar facendo uso dos brazos, detalle que ós bípedos soemos esquecer ata que temos problemas para exercelo, como tantas outras cousas.

E unha vez dado o recado, pasamos a destacar que os premios dos editores galegos (a Noite da Edición), dos escritores (Gala das Letras) e libreiros (Irmandade do Libro) pasan a ser todos un (Gala do Libro Galego). Eu lamento que se perda un evento cun nome de tanto glamour como “Noite da Edición”, que neste aspecto dáballe cen voltas ós outros, todo hai que dicilo. Pero benvido sexa o que veña, se é para ben.

O feito de que o único que una a estes tres gremios sexa o caracter mercantil do libro non é un bo comenzo, dende logo. As categorías (ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal e premio honorífico á libraría e á editora) son as lóxicas agás o feito de que á librería e á editorial sexan “honoríficos”. Supoñemos que isto terá a súa lóxica, e que probablemente preferiremos non coñecela.

En calquera caso, os nosos azos a esta senlleira iniciativa dun campo económico que non anda nos seus mellores tempos. Esperemos que dure máis anos que a crise.

Anuncios

Semana de novela histórica

A partir de mañán e ata o domingo, se pasades por Cuenca, non deixedes a de asistir ó Foro arredor da novela histórica que se vai celebrar en Quintanar del Rey. Asistirán, entre outros, Alberto Váquez Figueroa, Sánchez Dragó ou León Arsenal, ademáis de Augusto Ferrer Dalmau. Haberá en total máis de dez conferencias relacionadas coa temática da novela histórica onde se analizarán o proceso creativo neste ámbito, e nos que participarán autores e editores de todo o Estado.

Por outra banda, estes días celebrarase nesta localidade a 1º Feira da Semana do Libro Histórico (SENOHI), onde ademáis de poder adquirir as últimas novidades deste xénero, poderase contar coa sintura dos seus autores. E entregarase o 1º Premio de Relatos Curtos de Ambientación Histórica e a presentación do volume que o devandito concurso xenerou.

A EDITORIAL TRYMAR, non estando especializada nesta temática de Novela Histórica, non pode deixar de facer sona destas actividades, aínda que sexa pola envexa que nos produce o feito de que unha poboación como Quintanar del Rey utilice a cultura e os libros para promocionarse e facerse un sitio no mapa sen necesidade de trens rápidos nin grandes e emblemáticos edificios.

O Culturgal

Esta fin de semana ven o Culturgal, como sempre, no Pazo de Congresos de Pontevedra e, como sempre, cita ineludible. Alí podes atopar aquel producto que o resto do ano é complicado de adquirir. Mesmo vaise proxectar A Esmorga, co que xa non terás que baixala do internet. Pouco podemos engadir a un cada vez máis apretado programa. Cada ano vanse sumando iniciativas, cada cal máis interesante que a anterior, ou polo menos iso parece, porque non somos moito destas cousas. Nós somos máis de pasear tranquilos e Culturgal non é para iso. Cada vez semella máis unha feira de gando ou un centro comercial ou Baiona nunha noite de verano. Vamos, que está petado de xente e como non vaias a tiro fixo a cousa non é moi doada de levar.

Certo que un pode ver a Xurxo Souto comentar a exposición sobre o Bravú, o que é un luxo dos gordos (e non é un comentario malicioso) ou escoitar unha charla de Francisco Castro, María Xosé Queizán e Manuel Núñez, unha mesa redonda cos creadores de Botafumeiro ou unha chea de presentacións de libros infantís ou discos. Pero mellor será informarse antes e ir ao que interesa. En caso contrario o noso consello é acudir preferentemente un día pola mañán e se é o sábado, mellor, que haberá menos xente aínda. E posto que xa estamos tirando consellos que os regalamos, non aproveiten para acudir aos espectáculos musicais, eses sempre están abarrotados. Nós este ano temos o firme propósito de tentar achegarnos ao bar, que as charlas e presentacións non soen estar moi cheas, pero ao bar nunca fomos quen de chegar .67283_162647657100869_100000669087859_360802_1807711_n

Feira do libro antigo

Na EDITORIAL TRYMAR somos moi de libro vello. Cada día estamos máis lonxe das primeiras e pomposas edicións e máis preto das de Anagrama, RTVE, Destino, Caralt ou Alianza, que caben nos petos dos abrigos os días de choiva e nos pantalóns curtos nos de praia, que teñen as follas caídas, amarelas, suliñadas e alentadas.

Non recorremos as casetas buscando un incunable, senon a terceira parte do Club Pickwick ou ese título de Guillermo que parece pedir osíxeno no fondo do caixón, o clásico que sempre estamos pensando en ler e nunca temos tempo de buscalo ou aquel outro que prestamos e que non nos devolveron e no que pensamos ás noites como no irmán que marchou a Alemaña.

Feira do libro vello e de ocasión volve co mate discreto dun feixe de días calurosos, sen sinaturas brillantes porque ninguén quere asinar un libro xa vendido e comprado, lido e prestado. So temos ata o día cinco de agosto, sen concertos nin presentacións, so libros vellos esperando que alguén os lea.

Para a fin de semana

De todo o que vai pasar no Culturgal que comeza hoxe e dura ata o domingo recomendamos que aproveiten a visita para mercar a revista Luzes, dirixida por Rivas e Pereiro, e visitalo “asesoramento espontáneo” da empresa de comunicación Ganapán. Ou mesmo poden aproveitar para atopar facilmente ese libro do que tanto ouviron falar e que non atopaban en ningures.

Nós pasearemos por alí e deixaremos os cartos en chafalladas, que para algo é unha feira.

MICAtlántica e Culturgal

Hoxe é o último día no que poderemos acudir á Cidadeda Cultura para coñecer MICAtlántica, a feira cultural organizada por la Consellería de Cultura e a Secretaría de Cultura de Arxentina para pór en contacto a empresarios e traballadores do sector cultural arxentinos, españois e portugueses. Exposicións, proxeccións e concertos facilitan o contacto entre profesionais do sector, ao dar unha oportunidade de coñecemento do traballo desenvolvido a ambos lados do Atlántico.

Do 27 ao 29 ainda se poderán disfrutar de espectáculos musicais e teatrais en diferentes lugares de Compostela,  a pesar de que a clausura da feira sexa hoxe. O último día poderedes pasar por Pontevedra onde comenza Culturgal, a feira das industrias culturais galegas que se celebra no Pazo da Cultura da capital. Este ano, ademáis da ampla variedade de actividades asistirá o Consello Galego de Cooperativas amparando ás cooperativas culturais que queran participar.

Aos que non poidades acudir recomendamos unha visita por ambas webs para facerse unha idea do traballo que se realiza en Galicia no ámbito cultural. É moi ilustrativo para entender porqué a cultura xenera máis Producto Interior Bruto no Estado que o sector enerxético ou que a agricultura, a pesar das diferencias evidentes en canto ás axudas recibidas.