Archivo | Mercado RSS for this section

Bono Cultura.

A Axencia Galega das Industrias Culturais promove a tarxeta-bono da cultura galega.

Se tes entre 18 e 30 anos, por 33 eurillos podes adquirir 50 eurazos de cultura galega. Enténdase que cultura galega son libros e “espectáculos de artes escénicas”. Se isto inclúe un concerto na Iguana ou so os de Caixanova dependerá de se a sala está apuntada ó programa, independentemente de que o espectáculo sexa en galego ou non. Iso sí, se é teatro, ten que ser en galego.

Do mesmo xeito, tampoco se aceptan videoxogos como cultura galega nin libros técnicos ou científicos para estudantes. Aproveitade se queredes mercar literatura, porque a que se venda por este sistema está obrigada a ofrecer un desconto adicional do 10%.

O programa terá validez de dous meses, logo perdes os cartos se non os gastaches nalgún dos 180 comercios que che acepten o bono.

Anuncios

Amazon

Xa temos comentado por aquí a inquedanza que a algúns lles crea a plataforma de Amazon. Nós non podemos dicir que disfrutemos moito de Amazon, máis que nada porque os pequenos editores somos libres e independentes porque somos pobres. E esa pobreza impídenos aproveitar as maravillas do século XXI a prezo de coste.

Ainda así non deixa de ser un pouco desacougante que os nosos libros estean en Amazon a prezos máis baratos mesmo que os que ofrecemos nós na nosa web. Desacougante pero non ilóxico nin malvado. Non hai villano tamborilando as xemas dos dedos, tan so unha estratexia comercial consistente en cargarse ó pequeno vendedor minorista que non pode competir coa brutal baixada dos prezos. Nada que non faga calquera outra empresa co beneplácito dos produtores, mentres lle saquen os produto almacenados, ainda que eses produtores sexan editoriais e os produtos libros.

A distancia que hai entre o libro como produto de consumo ou o libro como produto cultural está percorrida hai moito tempo, sen marcha atrás posible. Laiarse pode quedar ben cando saen os datos anuais de vendas de libros, pero pouco máis. O libro vai camiño de se converter nun produto minoritario porque nós mesmos o convertemos niso. Non podemos dicir que nos pareza mal porque sabiamos o camiño e o seu final. A solución, probablemente, a teña Uxía: Se non quere comprar en Amazon, non compre, pero compre o meu libro, ho.

uxia

Enquisas

Estes días falouse da enquisa sobre coñecemento e uso do galego. A preocupación pasou a ser feito estatístico e non faltou a parvada do presidente Feijoo, que cada día se asemella máis ao Fraga groseiro  e brutal que só recoñecía como propias as carreteiras, e que se comparaba continuamente coa Galicia da Segunda República.

Por suposto que nós non temos a solución nin moito menos a explicación de esta crúa baixada de galego falantes. Sabios hai no mundo que dean resposta e esixan responsabilidades. Pero cóstanos pasar sen abrila boca e aportar algunha reflexión para o debate.

É curioso que no momento no que a producción literaria en galego está no seu maior auxe e esplendor, a dicir de todos os implicados nela, se dean estes datos. Será que a literatura e a vida non están moi relacionados.

O galego acadou hai décadas o recoñecemento de lingua “culta”, esto é, que no imaxinario popular serve para a xustiza, o médico, a empresa e a universidade. Que apareza nestes eidos é outra cousa, pero xa ninguén discute o papel necesario do galego nin moito menos o valor da súa aportación para mellorala sociedade.

Despois de trinta anos, o galego segue a ser unha lingua rural e proletaria, alonxada, polo tanto, de academicismos. É, no seu uso cotiá maioritario, unha lingua popular. É un lugar común, pero tamén unha realidade que o galego que se fala en Galicia é o galego do Luar, non o dos libros de texto nin o da Tvg (aínda que sí se ve esta canle porque se entende a súa linguaxe mellor que o das outras). Pero Galicia, cada vez máis, non é nin rural nin aspira a ser proletaria. Hai un salto xeneracional evidente dende hai décadas.

Agora que metemos nos museos o movemento bravú quizáis podamos entender o seu valor de nexo entre estas dúas xeneracións, e, sobre todo, como explicación de por qué os galego falantes non se sinten identificados co galego culto, imprescindible para a supervivencia da lingua.

Nós, como editores, anotamos unha eiva no noso campo. A inegable calidade da literatura infantil e xuvenil non exime da ausencia de literatura galega destinada aos anos entre a infancia e a mocidade. Eso que se chaman preadolescentes non atopan en galego obras coas que continuar a súa aprendizaxe e descubrimento dunha lingua á que deben tender se queren que sobreviva. So atopan compromiso e ética. E a literatura e a lingua non son iso nin poden sobrevivir con só iso. Como dixo alguén, a literatura galega debe ser sexi, e hoxe non o é. Velaquí unha eiva que non explica nin soluciona, pero que nos apetecía soltar.

Xosé-Ramón-Gayoso

Feira do libro antigo

Na EDITORIAL TRYMAR somos moi de libro vello. Cada día estamos máis lonxe das primeiras e pomposas edicións e máis preto das de Anagrama, RTVE, Destino, Caralt ou Alianza, que caben nos petos dos abrigos os días de choiva e nos pantalóns curtos nos de praia, que teñen as follas caídas, amarelas, suliñadas e alentadas.

Non recorremos as casetas buscando un incunable, senon a terceira parte do Club Pickwick ou ese título de Guillermo que parece pedir osíxeno no fondo do caixón, o clásico que sempre estamos pensando en ler e nunca temos tempo de buscalo ou aquel outro que prestamos e que non nos devolveron e no que pensamos ás noites como no irmán que marchou a Alemaña.

Feira do libro vello e de ocasión volve co mate discreto dun feixe de días calurosos, sen sinaturas brillantes porque ninguén quere asinar un libro xa vendido e comprado, lido e prestado. So temos ata o día cinco de agosto, sen concertos nin presentacións, so libros vellos esperando que alguén os lea.

Os dez euros de Amazon

Hai quen se escandaliza destas cousas. Por menos de 10 euros ao mes podes ler todo o que queras. Amazon leva a biblioteca á túa casa por dez euros, porque isto xa estaba inventado, chámase biblioteca pública e había quen aproveitaba eses dez euros nun paseo e un café. A idea non debía de ser mala, xa que unha multinacional decide utilizala. Se nós non o faciamos pode ser que fose porque entre os moitos servizos e bonanzas que nos prometen nunca aparece a creación de bibliotecas. Un pode mirar que prometen campos deportivos para que os mozos non se droguen, como dixo aquel señor da Deputación de Pontevedra, garderías para que as nais poidan conciliar, que xa se sabe que o pai pode deixar os nenós ós avós, pero unha nai non pode abandonar aos fillos sen máis, paseos marítimos nos que pasala tarde do domingo e concertos dos que escoitas na radio a calquera hora, pero en vivo, como se estivesemos en Madrid ou en Miami ou en calquera outro sitio no que se supón que deberiamos estar mellor que aquí.

O primeiro que sacrificamos son a compra de novidades editoriais para as bibliotecas, as axudas á edición de libros que non se poden defender sos, como non poden as touradas ou eses mesmos concertos millionarios de artistas recoñecidos aos que non lles compensa actuar na nosa cidade ou as fábricas de coches ou o negocio de extracción de carbón ou de prestar cartos ás familias e pequenos comerciantes. Claro que o libro non crea traballo e todo o mundo sabe que se les moitos podes acabar ser lavarte e paseando pola cidade cun feixe de cartos no gabán e durmindo nos bancos, falando so e bruando aos coches e ás vellas. Ben está que os nenos lean algo de cando en vez e os adultos aqueles que sexan tan bos que merezan unha película.

E agora Amazon decide que posto que o libro é un produto, máis barato que un zapato italiano ou unha xoia de Swarovski, con menos dereitos que unha carreira de barcos veleiros, fai o que outros xa fixeron co cine ou coa música. Temos a desgraza de contar co suficente talento como para non ser quen de manexalo, o que vai facer que lembremos de cando en vez, como unha mala conciencia á que lle pomos escusas, e nos choque iso de pagar dez euros por todo o que sexas capaz de ler, como o Rodizio brasileiro.

Pero non se preocupen, que no mercado todo pasa e todo entra, esa é a súa esencia. Aproveiten as gangas e desfruten delas na súa casa, en íntimo silencio, polo menos ata que nos traian o mercado á casa.

torrente ballester borges

Amazon

Unha das cousas que máis preocupan na editorial TRYMAR de Amazón é esa polémica xurdida entre a distribuidora multinacional e o resto de editoriais. Ningunha empresa editorial ten denunciado o trato vexatorio de Amazón aos seus traballadores, principal elemento que lles permite ser moi superiores na súa cadea de traballo a calquera outra empresa europea.

O valor do libro, a moralidade das súas vendas, o control da información sobre os lectores e os seus gustos son todos eles elementos que lle quitan o sono aos grandes editores. Máis ningún perde un segundo de sono pensando nos soldos e as condicións laborais que ofrece Amazón. A exportación do modelo laboral chinés no corazón de Europa é o autentico perigo do que só nos decataremos o día que ninguén teña tempo nin ganas de ler un libro.

Os datos oficiais do Comercio Interior do Libro non deixa lugar ás dúbidas. Baixan todos os resultados, de vendas, de lectura, de producción, de exemplares editados, de prezos, de títulos producidos,… Non hai por onde coller o sector cultural máis que por onde debera ter sido collido hai anos, cando o médico do pobo vendía mil exemplares e non se lle pedía opinión a ningún dos seus lectores porque era o menos importante. O sector editorial debe deixar de vender libros e empezar a vender lectura. Debe ser considerada un sector de servizos e non de produtos. Se de verdade cremos ter un plus de responsabilidade haberá que empezar a exercelo e non a esixilo.