Archive | Xunta RSS for this section

Trymar no Culturgal 2016

Finalmente onte ás 18:30 reunímonos Ana Castro Antonio, Eva del Pozo, Teresa Egerique e Gabriel Romero de Ávila no stand do Consello Galego de Cooperativas do Culturgal 2016.

E falamos, por suposto, que a iso iamos. Gabriel lembrou a figura de Emilio Salgari como modelo de creador prolífico e namorado do seu traballo, aventureiro e apaixonado. Teresa falou da importancia dos periodistas como interpretes da realidade e como expoñentes dun estilo literario e vital que vai máis alá do mero exercicio notarial. Eva, como os seus lectores coñecemos ben, amosou o seu gusto pola documentación e pola presentación amena e cercana destes datos enciclopédicos que manexa cunha soltura que precisa de moitas horas de esforzo. E Ana Castro fíxonos ver que a sistematización do esforzo non é nunca sinónimo de repetición ou de rutina, senon o eixe central de calquera exercicio creativo.

Compartimos experiencias, influencias e alicerces. E, q.e.d., dende o romanticismo literario máis clásico de Gabriel ata o academicismo máis técnico de Ana, dende a necesaria interpretación da actualidade de Teresa ata a búsqueda da obxectividade histórica de Eva, todos coincidiron en referentes e inquedanzas comúns.

O público que nos acompañou non so participou abertamente, senon que aportou puntos de vista que nos enriqueceron a todos e souberon poñernos no carreiro adecuado, lembrando que o resultado final de calquera traballo precisa dun público que o consuma.

Non podemos deixar de agradecer nesta crónica o imprescindible traballo de coordinación e organización realizado  no stand adicado, un ano máis, ó cooperativismo.

Editar en Galicia

Debo recoñecer que antes de escribir isto que espero que lean dediquei un bo rato a pensar o título axeitado. Non quixera dar a impresión de que é duas cousas: primeiro, unha explicación do traballo de editor. Despois de máis de quince anos facéndoo non son quen de explicalo. Tíñao máis claro cando empecei que agora, o que significa que se me pasou o arroz, creo. Outra cousa que non vai ser este post é unha queixa, nin superficial nin fonda, da situación do sector. Para nós a cousa nunca estivo ben, así que non nos podemos queixar hoxe máis que onte. Unha vez que temos claro o que non quere ser este post, imos con el. E o que sexa finalmente, mellor que o decidan vostedes a que o diga eu.

Non é ningún secreto que os editores galegos, como colectivo, non están satisfeitos coa política cultural da Xunta de Galicia, particularmente co referente á promoción e apoio ó libro. Xa non se trata de que axudas directas ó libro estean a desaparecer a unha velocidade que impide a adaptación a novos modelos productivos. Ou que directamente se ignoren as necesidades específicas deste campo. Noutras comunidades existe un apoio certo, máis ou menos efectivo, pero é indubidable que son a expresión dun compromiso das Administracións co eido cultural, que non deixa de ser un campo económico.

En Galicia, do mesmo xeito que no resto do Estado, existe unha confrontación aberta cos creadores e coa industria cultural. E non se pode alegar que se trata de cuestións económicas, posto que non hai tanto que a Xunta de Galicia, tamén co Partido Popular dirixíndoa, facía gala das súas empresas culturais, apoiándoas abertamente, con maior ou menor fortuna, pero cunha aberta intención de apoiala.

Contrasta ista política coa actual, cando observamos que ás feiras internacionais, fóra de invitar ás empresas, invítase directamente a autores, e sen aviso previo ós seus editores; cando todo o que se ofrece é a oportunidade de expor novedades nun stand para logo doar estes libros ás bibliotecas das Casas de Galicia; cando se aproveita a presencia da literatura galega nas feiras para falar de Camilo José Cela e non daqueles outros outros que, tendo pasado case toda a súa vida neses países, deixaron maior pegada da súa terra e da cultura que se supón debe defendela Xunta.

O certo é que a Administración galega vive de costas ás súas empresas, que son as crean valor, traballo e as que poñen enriba da mesa o seu risco económico e persoal para sacar diante esa cousa estrana e cada vez máis escasa coñecida como “libro galego”. Nada varía a nosa situación persoal, logo. Tampoco pretendemos que varíe. É so que hoxe nos deu por nos laiar de tanta publicidade institucional e insustancial.