Tag Archive | cultura

Rosalíadependencia

Recollo o termo da prensa deportiva, para evitar as confusións. Isto non é unha análise de moita miola, como os de Suso de Toro. Non pretendemos ir máis alá da evidencia. E os feitos están aí, ainda que os galegos non os queramos ver. Moito criticar ós anciáns que en lugar de ler a Heideger perderon os mellores anos sachando, pero os que si leron a Heideger non son moito mellores, se é que os houber.

O eido cultural galego sofre dunha “rosalíadependencia” igualiña que a dos nosos anciáns polos seus caciques ou a do Barcelona C.F. por Messi. Non podemos deixar á señora tranquila, ainda non emancipamos da nai das letras galegas, seguimos vivindo na casa materna, agochados á espera de que veña algo mellor que nos permita, polo menos, so comer dos seus táperes e non dos seus tetos.

Xa non é que celebremos os seus aniversarios cunha ansiedade que nos achega perigosamente á confesión de culpabilidade. Morte, nacemento, publicación das obras, todos os eventos da vida de Rosalía son lembrados ciclicamente con obsesión por todos os galegos. Tal día como hoxe leu un discurso na voda dos veciños onde lembrou á súa tía. E pasou o 75 aniversario do seu primeiro bico furtivo e alguén na prensa escribe para cominar ás galegas e galegos a que imitemos tal acto de amor e inocencia.

Disimulamos como podemos e dicimos que é broma todo cando poñemos as camisolas do Rei Centolo ou unha chapa señera, pero é que, en canto nos despistamos, aí hai unha exposición das súas pegadas inmortais, por  non lembrar o número de certames que levan o seu nome. Non podemos evitar tremer  ó imaxinar ós politicos ou os escritores galegos a pensar no título do seu premio. Ou que, pase o pase, os galegos lembramos a Rosalía dicindo “ai, se levantara a cabeza, co sabia que era ela“. Ou que ata cando pensamos nas poderosas figuras intelectuais, políticas ou literarias da Galicia exterior, de Arxentina ata México, non podemos evitar metala a ela tamén, que Rosalía pega con todo. Pola “potencia da súa figura” sexa o que for.

Dende aquí fago un chamamento. Ou ben comezamos coa celebración do “Ano sen Rosalía de Castro” ó xeito de desintoxicación, ou lle pagamos entre todos unha subvención a Pedro Vera para que nos faga un rancio facts de Rosalía.

Pero, mentres tanto, non esquezades pasar por aquí.

galician_songs.jpg

Bono Cultura.

A Axencia Galega das Industrias Culturais promove a tarxeta-bono da cultura galega.

Se tes entre 18 e 30 anos, por 33 eurillos podes adquirir 50 eurazos de cultura galega. Enténdase que cultura galega son libros e “espectáculos de artes escénicas”. Se isto inclúe un concerto na Iguana ou so os de Caixanova dependerá de se a sala está apuntada ó programa, independentemente de que o espectáculo sexa en galego ou non. Iso sí, se é teatro, ten que ser en galego.

Do mesmo xeito, tampoco se aceptan videoxogos como cultura galega nin libros técnicos ou científicos para estudantes. Aproveitade se queredes mercar literatura, porque a que se venda por este sistema está obrigada a ofrecer un desconto adicional do 10%.

O programa terá validez de dous meses, logo perdes os cartos se non os gastaches nalgún dos 180 comercios que che acepten o bono.

Revista Dartes

Dende o mes de outubro está disponible a Revista Dartes na App Store de iTunes totalmente gratuita. Proximamente poderemos ter a versión impresa nos quioscos. Os contidos da versión para iPad inclúen, ademáis dos aloxados na web, reportaxes, artículos e entrevistas exclusivas.  As seccións de Audiovisuais, Plástica, Música, Escena, Literatura, Aplicadas (arquitectura e deseño), Humanidades (arqueoloxía), Gastronomía, Turismo e Deportes, garante unha variedade pouco común.