Tag Archive | Elena Paredes

Feministofobia

Vinte anos despois da morte de Rosalía de Castro, o vicario xeral do Bispado de Madrid-Alcalá, Jaime Valdés Failde, pronunciou unha conferencia  adicada ó bispo de Madrid, José María Salvador y Barrera poucas horas antes da súa chegada á capital. O título da conferencia foi “Rosalía de Castro”. Nesta conferencia explicábase que Rosalía era sistemáticamente desprezada por moitos críticos e autores, que ignoraban a súa obra sen molestarse en coñecela na maioría dos casos. Pero tamén tiña unha serie de ferventes seguidores, entre eles este bispo vicario de Madrid. Fai este home unha defensa do matriarcado galego e da figura de Rosalía, expoñendo o termo “feministofobia”, como a necesidade que teñen as mulleres para ser tomadas en serio nun mundo de homes, de abandoar a súa propia feminidade. Posto que Rosalía nunca fixo tal, foi vítima desta feministofobia, que despreza o rol femenino e incompatibiliza co mérito lterario ou intelectual.

Esta visión de Rosalía, como nai e esposa coincidente coa perspectiva católica, non deixa de ser un pouco forzada, aínda que roubamos o termo pola súa vixencia. O uso da feminidade como contraposición do feminismo e as súas reivindicacións segue a ser, por desgracia, totalmente actual. Pero voltando á feminidade de Rosalía, non podemos deixar de mencionar a perspectiva de Janet H. Perry, hispanista inglesa que nos anos corenta e cincuenta adicou varios traballos á galega. Explicaba que a figura de Rosalía é basicamente incómoda. Incardínaa dentro dunha tradición precristiá, existencialista e comprometida. Compáraa con Unamuno pola fatalidade da súa obra e a búsqueda de trascendencia, pero, á diferencia do vasco, Rosalía ten a vontade de crear un mundo figurativo propio. Non queda aí a hispanista, e analiza o feito de que a Rosalía maternal non se axustaba ó criterio da burguesía coruñesa nin ós valores esperados dunha dama da súa posición.

Non nos vemos capacitados de atopar a verdade rosaliana. Neste senso correremos o risco de que o vicario xeral nos cualifique de feministófobos e dubidaremos da importancia da feminidade en Rosalía. O seu rostro maternal so nos interesa no que atinxe ó seu celtismo panteísta, no que ela mesma queda misturada coa paisaxe e os sentimentos galegos como unha deusa gaia. E para terminar, e como homenaxe á hispanista e a Filgueira Valeverde, non queremos deixar de mencionar a escolma bilíngüe de 1964 levada a cabo polo  Ministerio de Asuntos Exteriores do goberno fascista de Francisco Franco. Dita edición foi realizada polo recén homenaxeado nas Letras Galegas e traducida ó inglés por Charles David Leary. O misticismo rosaliano estivo sempre moi preto do gusto anglosaxón, do mesmo xeito que o gusto de Filgueira estivo sempre máis no madrileño café Gijón que das hispanistas coñecedoras da obra rosaliana, como Kathleen Kulp ou a mesma Janet Perry.

Recentemente por fin foron traducidas as obras máis senlleiras de Rosalía, Cantares Gallegos e Follas Novas, ó inglés por parte da EDITORIAL TRYMAR. As coidadas e precisas traducións de Francisco Morell e Elena Paredes Alonso fan xustiza á poetisa galega, ofrecendo por primeira vez, ambas obras completas.

new_leaves galician_songs

129 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

Tal día como hoxe de hai 129 anos morreu Rosalía de Castro na súa casa da Matanza, en Padrón. Consumida polo cancro, coa doente presenza dos seus seres amados desaparecidos antes ca ela, deixou unha imaxe que non se corresponde coa poetisa, alegre, riseira, optimista fronte aos moitos problemas económicos e persoais polos que pasou ao longo da súa breve vida, muller fortaleza da súa familia e do seu traballo que nin pediu tregua nin lle foi concedida nunca.

Prosista crítica e mordaz, articulista rabuda, crítica amable, e poetisa nai dunha cultura que lle concedeu a inmortalidade a cambio das suas letras. Con Rosalía pouco hai que facer máis que lela, ainda que a potencia da súa obra aínda permite continuas revisións, como as de María Pilar García Negro ou a de Anxo Angueira.

Na Editorial TRYMAR quixemos rendirlle homenaxe e este ano editamos a versión bilíngüe galego/inglés de Cantares Gallegos e de Follas Novas, coas que invitamos ao lector a retomar e ampliar o seu coñecemento rosaliano. A primeira foi traducida ao inglés por Elena Paredes nun traballo elegante e preciso, mentras que Follas Novas correu a cargo de Fran Morell, tradutor amante da obra rosaliana, blogueiro e crítico bragado dos máis sobranceiros nas nosas letras.

É a primeira vez que Follas Novas é traducido na súa integridade ao inglés, mentras que Cantares Gallegos foi editado o ano pasado ao inglés cunha axuda da Xunta de Galicia á editorial Small Stations por Erín Mouré. A edición de TRYMAR é evidentemente mellor, posto que inclúe o orixinal en galego, o que lle permite ser disfrutado na súa complexidade, por non mencionar o feito de que a súa disponiblidade é moito maior.