Tag Archive | Galicia

Rosalíadependencia

Recollo o termo da prensa deportiva, para evitar as confusións. Isto non é unha análise de moita miola, como os de Suso de Toro. Non pretendemos ir máis alá da evidencia. E os feitos están aí, ainda que os galegos non os queramos ver. Moito criticar ós anciáns que en lugar de ler a Heideger perderon os mellores anos sachando, pero os que si leron a Heideger non son moito mellores, se é que os houber.

O eido cultural galego sofre dunha “rosalíadependencia” igualiña que a dos nosos anciáns polos seus caciques ou a do Barcelona C.F. por Messi. Non podemos deixar á señora tranquila, ainda non emancipamos da nai das letras galegas, seguimos vivindo na casa materna, agochados á espera de que veña algo mellor que nos permita, polo menos, so comer dos seus táperes e non dos seus tetos.

Xa non é que celebremos os seus aniversarios cunha ansiedade que nos achega perigosamente á confesión de culpabilidade. Morte, nacemento, publicación das obras, todos os eventos da vida de Rosalía son lembrados ciclicamente con obsesión por todos os galegos. Tal día como hoxe leu un discurso na voda dos veciños onde lembrou á súa tía. E pasou o 75 aniversario do seu primeiro bico furtivo e alguén na prensa escribe para cominar ás galegas e galegos a que imitemos tal acto de amor e inocencia.

Disimulamos como podemos e dicimos que é broma todo cando poñemos as camisolas do Rei Centolo ou unha chapa señera, pero é que, en canto nos despistamos, aí hai unha exposición das súas pegadas inmortais, por  non lembrar o número de certames que levan o seu nome. Non podemos evitar tremer  ó imaxinar ós politicos ou os escritores galegos a pensar no título do seu premio. Ou que, pase o pase, os galegos lembramos a Rosalía dicindo “ai, se levantara a cabeza, co sabia que era ela“. Ou que ata cando pensamos nas poderosas figuras intelectuais, políticas ou literarias da Galicia exterior, de Arxentina ata México, non podemos evitar metala a ela tamén, que Rosalía pega con todo. Pola “potencia da súa figura” sexa o que for.

Dende aquí fago un chamamento. Ou ben comezamos coa celebración do “Ano sen Rosalía de Castro” ó xeito de desintoxicación, ou lle pagamos entre todos unha subvención a Pedro Vera para que nos faga un rancio facts de Rosalía.

Pero, mentres tanto, non esquezades pasar por aquí.

galician_songs.jpg

Anuncios

Premios e feiras

Cando vai acabando o ano chegan os premios e feiras culturais. Para empezar a Feira por excelencia, o Culturgal. Xa hai programa definitivo e nós repetímolo, sen moito convencemento, pero coa satisfación do deber cumprido. Non seremos nós quen de desaconsellar que se visite esta feira, pero, para facelo coa conciencia tranquila, o noso consello é para aqueles que teñan pensado ir o venres ou o sábado ou o domingo pola mañá, cando ainda se poida andar facendo uso dos brazos, detalle que ós bípedos soemos esquecer ata que temos problemas para exercelo, como tantas outras cousas.

E unha vez dado o recado, pasamos a destacar que os premios dos editores galegos (a Noite da Edición), dos escritores (Gala das Letras) e libreiros (Irmandade do Libro) pasan a ser todos un (Gala do Libro Galego). Eu lamento que se perda un evento cun nome de tanto glamour como “Noite da Edición”, que neste aspecto dáballe cen voltas ós outros, todo hai que dicilo. Pero benvido sexa o que veña, se é para ben.

O feito de que o único que una a estes tres gremios sexa o caracter mercantil do libro non é un bo comenzo, dende logo. As categorías (ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal e premio honorífico á libraría e á editora) son as lóxicas agás o feito de que á librería e á editorial sexan “honoríficos”. Supoñemos que isto terá a súa lóxica, e que probablemente preferiremos non coñecela.

En calquera caso, os nosos azos a esta senlleira iniciativa dun campo económico que non anda nos seus mellores tempos. Esperemos que dure máis anos que a crise.

Enquisas

Estes días falouse da enquisa sobre coñecemento e uso do galego. A preocupación pasou a ser feito estatístico e non faltou a parvada do presidente Feijoo, que cada día se asemella máis ao Fraga groseiro  e brutal que só recoñecía como propias as carreteiras, e que se comparaba continuamente coa Galicia da Segunda República.

Por suposto que nós non temos a solución nin moito menos a explicación de esta crúa baixada de galego falantes. Sabios hai no mundo que dean resposta e esixan responsabilidades. Pero cóstanos pasar sen abrila boca e aportar algunha reflexión para o debate.

É curioso que no momento no que a producción literaria en galego está no seu maior auxe e esplendor, a dicir de todos os implicados nela, se dean estes datos. Será que a literatura e a vida non están moi relacionados.

O galego acadou hai décadas o recoñecemento de lingua “culta”, esto é, que no imaxinario popular serve para a xustiza, o médico, a empresa e a universidade. Que apareza nestes eidos é outra cousa, pero xa ninguén discute o papel necesario do galego nin moito menos o valor da súa aportación para mellorala sociedade.

Despois de trinta anos, o galego segue a ser unha lingua rural e proletaria, alonxada, polo tanto, de academicismos. É, no seu uso cotiá maioritario, unha lingua popular. É un lugar común, pero tamén unha realidade que o galego que se fala en Galicia é o galego do Luar, non o dos libros de texto nin o da Tvg (aínda que sí se ve esta canle porque se entende a súa linguaxe mellor que o das outras). Pero Galicia, cada vez máis, non é nin rural nin aspira a ser proletaria. Hai un salto xeneracional evidente dende hai décadas.

Agora que metemos nos museos o movemento bravú quizáis podamos entender o seu valor de nexo entre estas dúas xeneracións, e, sobre todo, como explicación de por qué os galego falantes non se sinten identificados co galego culto, imprescindible para a supervivencia da lingua.

Nós, como editores, anotamos unha eiva no noso campo. A inegable calidade da literatura infantil e xuvenil non exime da ausencia de literatura galega destinada aos anos entre a infancia e a mocidade. Eso que se chaman preadolescentes non atopan en galego obras coas que continuar a súa aprendizaxe e descubrimento dunha lingua á que deben tender se queren que sobreviva. So atopan compromiso e ética. E a literatura e a lingua non son iso nin poden sobrevivir con só iso. Como dixo alguén, a literatura galega debe ser sexi, e hoxe non o é. Velaquí unha eiva que non explica nin soluciona, pero que nos apetecía soltar.

Xosé-Ramón-Gayoso

Amazon

Unha das cousas que máis preocupan na editorial TRYMAR de Amazón é esa polémica xurdida entre a distribuidora multinacional e o resto de editoriais. Ningunha empresa editorial ten denunciado o trato vexatorio de Amazón aos seus traballadores, principal elemento que lles permite ser moi superiores na súa cadea de traballo a calquera outra empresa europea.

O valor do libro, a moralidade das súas vendas, o control da información sobre os lectores e os seus gustos son todos eles elementos que lle quitan o sono aos grandes editores. Máis ningún perde un segundo de sono pensando nos soldos e as condicións laborais que ofrece Amazón. A exportación do modelo laboral chinés no corazón de Europa é o autentico perigo do que só nos decataremos o día que ninguén teña tempo nin ganas de ler un libro.

Os datos oficiais do Comercio Interior do Libro non deixa lugar ás dúbidas. Baixan todos os resultados, de vendas, de lectura, de producción, de exemplares editados, de prezos, de títulos producidos,… Non hai por onde coller o sector cultural máis que por onde debera ter sido collido hai anos, cando o médico do pobo vendía mil exemplares e non se lle pedía opinión a ningún dos seus lectores porque era o menos importante. O sector editorial debe deixar de vender libros e empezar a vender lectura. Debe ser considerada un sector de servizos e non de produtos. Se de verdade cremos ter un plus de responsabilidade haberá que empezar a exercelo e non a esixilo.

MICAtlántica e Culturgal

Hoxe é o último día no que poderemos acudir á Cidadeda Cultura para coñecer MICAtlántica, a feira cultural organizada por la Consellería de Cultura e a Secretaría de Cultura de Arxentina para pór en contacto a empresarios e traballadores do sector cultural arxentinos, españois e portugueses. Exposicións, proxeccións e concertos facilitan o contacto entre profesionais do sector, ao dar unha oportunidade de coñecemento do traballo desenvolvido a ambos lados do Atlántico.

Do 27 ao 29 ainda se poderán disfrutar de espectáculos musicais e teatrais en diferentes lugares de Compostela,  a pesar de que a clausura da feira sexa hoxe. O último día poderedes pasar por Pontevedra onde comenza Culturgal, a feira das industrias culturais galegas que se celebra no Pazo da Cultura da capital. Este ano, ademáis da ampla variedade de actividades asistirá o Consello Galego de Cooperativas amparando ás cooperativas culturais que queran participar.

Aos que non poidades acudir recomendamos unha visita por ambas webs para facerse unha idea do traballo que se realiza en Galicia no ámbito cultural. É moi ilustrativo para entender porqué a cultura xenera máis Producto Interior Bruto no Estado que o sector enerxético ou que a agricultura, a pesar das diferencias evidentes en canto ás axudas recibidas.