Tag Archive | Montse Dopico

O libro e a lectura nos medios

Onte estiven en Santiago, no Simposio sobre o libro e a lectura nos medios. O tema é interesante, posto que, como explica moi ben Francisco Castro, non son a mesma cousa os libros que a lectura, polo que non é o mesmo vender un que vender outro. Teño que recoñecer que me aburrín bastante menos do que pensaba, que todas as mesas aportaron puntos de vista interesantes dos puiden aprender. Como anécdota baste dicir que o taxi que me levou á estación de tren ía escoitando a Kiko Novoa. Cando lle dixen ao taxista que hoxe pola tarde escoitaría unha conferencia súa, díxome que o recoñecería polas orellas, que as tiña como un vampiro. Velaí a diferencia entre cultura elevada e cultura popular e o motivo polo que eu prefiro a segunda. O que segue son algunhas notas persoais. Pode que non mencione o máis interesante e mesmo que a miña memoria non retivese nin sequera a realidade, así que non botedes as culpas aos persoeiros, senón ao escribinte.

Pereiro, director da revista Luzes, falounos cómo nos antigos periódicos os contidos culturais daban prestixio ao xornal. Aqueles tempos nos que se publicaban poemas na prensa eran os tempos do anafabetismo, cando xuntar palabras era cousa duns poucos privilexiados. Este xornalismo é o que se bota de menos en xeral en Galicia, polo que se puido escoltar ó longo do día. Significativo é o concepto exposto de que a rede non funciona como instrumento do relato, so como ún medio de “soltar lastre”. Camilo Franco realizou unha análise do papel da cultura como transmisor dos intereses políticos e económicos dos axentes sociais dominadores. Leva o apelido como unha sombra. Enfatizou o papel subordinado da cultura galega e apelou, en consecuencia, á responsabilidade dos creadores como dinamizadores culturais por riba dos medios.
Mentres que el deu por feito a crise dos medios (“xa non quedan periodistas, hai traballadores dos medios”), Manuel Gago, director de culturagalega.org, considera que a crise non é de xornalismo senon de publicidade. Ofreceu datos que viñan a confirmar que os medios tomaron a estrategia de recortar en contidos e non en estruturas. Arrepiante foi o dato de que so un 22% dos contidos culturais nos cinco medios galegos máis vendidos son referidos á temas galegos. Atreveuse a prever que os contidos replicados irán desaparecendo mentras que aumentarán os locais, o que vendo a fragmentación provincial dos medios galegos ten pouco de previsión e máis de constatación, cremos nós. Por outra banda amosou como o consumidor de cultura está moi especializado (literatura, música, etc.) e é pouco poroso a outros contidos diferentes aos que lle interesan, ao tempo que elabora os contidos e crea debates fora dos medios, que non son quen polo momento de coidar os grupos referenciais. En xeral a audiencia espertou cando falou do peso dos mediadores culturais como marca persoal na rede.

Na seguinte mesa, onde se falou da lectura na rede, Montse Dopico incidiu na especialización como saída profesional e a necesidade de apoiarse uns e outros, autores e creadores, como estratexia de supervivencia, ao tempo que alertou da ausencia de búsqueda de novos lectores. Aí César Lorenzo, de Biosbardia, incidiu no pouco nivel intelectual dos comentaristas e lectores en xeral e do pouco peso intelectual do lector, ao tempo que incidiu na importancia dos blogues de afecionados como estratexia comercial, pero non como medio de creación ou análise literario válido, mesmo chegando a afirmar que o retorno da promoción en blogues non profesionais non compensa e mesmo pode desprestixiar. Posto que para el a calidade literaria galega é moi boa, estando o problema unicamente na difusión e especialización na prensa, o silenciamento do libro galego só se explica como unha cuestión política. Polo menos foi quen de aceptar que a crítica non sirve como elemento diferenciador, posto que entre autores galegos sempre é boa. Raquel Pico, de Disquecool, analizou a potencialidade da Internet como canalizadora da lectura “oculta”, como a romántica, erótica, etc. e a volta do modelo de folletín (textos cortos e sinxelos) ou a autoedición. Incidiu en que a “o libro galego ten un problema de imaxe”. Non é visto como moderno, sexi nin cool. Nese aspecto propuso que a rede pode ter moito que aportar. Nacho Alonso, de Fervenzas Literarias, deixou claro que o lector non accede ás webs en galego e que en xeral se le moi pouco. Mesmo chegou a pór en dúbida a influencia real da presencia cultural da rede, as críticas, reseñas, comentarios, etc no eido económico, polo que o editor non confía nos medios web como medio de difusión.

Pola tarde ambas mesas estiveron ocupados por xornalistas culturais. Os primeiros de radio e televisión e os segundos de prensa escrita. Teño que aclarar que aquí a miña capacidade de retención diminuiu bastante a causa dos locais da rúa do Franco e aos meus patéticos intentos de lembrar unha mocidade que pasou antes de que o Pelegrín fora famoso. O caso é que Ana Romaní fixo un discurso emocionante, pero botamos de menos a lembranza de outros medios e proxectos desaparecidos, como Preescolar na casa, no que a semente dos dereitos do acceso á cultura e ás letras foi bruscamente cortado no medio público. Kiko Novoa explicou o papel da cultura no seu programa, a mecánica de manter a tensión do magazine relativa ao libro, a excusa para falar de cultura inzándoa na actualidade, etc. Definiuno como “escoitar máis alá do libro”. Así mesmo lembrou a obriga didáctica da radio pública de usar o libro como ferramenta de unión cos ouvintes. Neste senso foi moi interesante escoltar o traballo de Henrique Sanfiz sobre a radio como dinamizadora de animación á lectura.

Carme Vidal, de Sermos, explicou que a cultura nun país normalizado tería un espazo que eles cubren tentando dar imaxe a autores e editores. Jaureguizar, do progreso de Lugo, explicou como as novas xeneracións ven o libro como un obxecto pechado, do que non se pode sair nin pasar a outros campos. Esto leva a que nin os críticos nin os informadores de libros teñen prestixio, os únicos que teñen prestixio son os editores como creadores de cultura. Por último Xesús Fraga, da Voz de Galicia, explicou que a pérdida de modelo xornalístico cultural leva á atomización e á brevidade das piadas do tuiter. A atomización retrotráenos ao folletín igual que na música nos leva á compra de singles, concluiu.

En xeral foi curioso escoitar como o asombro era xeralizado ante un cambio de modelo de lectura e de medio, que non vai substituir, pero sí que vai chantar mercado ao actual, baseado no libro como obxecto e mediador cultural de referencia. Se non quedaches satisfeito coa miña crónica, sempre podes acudir á de Bragado ou a feita pola Asociación de Editores Galegos, moito máis ecuánimes ca miña.

Anuncios

Simposio

Este xoves 20 estaremos en Compostela para asistir ao Simposio “O libro e a lectura nos medios” no auditorio do Consello da Cultura Galega. Aínda non sabemos moi ben se vai valer ou non a pena, posto que se nos deixan entrar a nós, logo a cousa non debe ser moi prestixiosa. Por outra banda, ter a ocasión de escoitar reflexionar a Gago, Pereiro e Camilo Franco antes das doce da mañán sobre a cultura nos medios xa nos anima a pensar que a cousa pode estar ben. Despois do café ainda escoitaremos a Montse Dopico, César Lorenzo, Raquel Pico, Nacho Alonso e Manuel Rodríguez, co que poderemos aforrar o proscratineo matutino dese día. Pola tarde falarán Ana Romaní, Henrique Sanfiz e Kiko Novoa antes da merenda (que, por certo, comprobo con disgusto que non vai incluida). Todos eles fan programas culturais na prensa e televisión galegas, co que a ración das queixas en terceira persoa que ouviremos pola mañán podéremolas ouvir en primeira. Despois da merenda (non incluida) falará o admirado Jaureguizar, Xesus Fraga e Carme Vidal. Os dous últimos levan o apelido de “periodista cultural”, mentras que o primeiro é periodista que fai cultura, co que supoño que será quen menos fale dos tres. O caso é que xuntar a tanta xente de tanto mérito e talento e por riba podelos escoitar gratis é unha oportunidade.

Esperemos que o próximo ano a merenda estea incluida, posto que a calidade das mesas redondas, das opinións e reflexións está garantida. Procuraremos non tuitear por riba das nosas posibiidades e aprender un pouquiño, polo menos.

10806351_796215110437133_2318466975642503168_n