Tag Archive | poesía

Feira do libro antigo

Na EDITORIAL TRYMAR somos moi de libro vello. Cada día estamos máis lonxe das primeiras e pomposas edicións e máis preto das de Anagrama, RTVE, Destino, Caralt ou Alianza, que caben nos petos dos abrigos os días de choiva e nos pantalóns curtos nos de praia, que teñen as follas caídas, amarelas, suliñadas e alentadas.

Non recorremos as casetas buscando un incunable, senon a terceira parte do Club Pickwick ou ese título de Guillermo que parece pedir osíxeno no fondo do caixón, o clásico que sempre estamos pensando en ler e nunca temos tempo de buscalo ou aquel outro que prestamos e que non nos devolveron e no que pensamos ás noites como no irmán que marchou a Alemaña.

Feira do libro vello e de ocasión volve co mate discreto dun feixe de días calurosos, sen sinaturas brillantes porque ninguén quere asinar un libro xa vendido e comprado, lido e prestado. So temos ata o día cinco de agosto, sen concertos nin presentacións, so libros vellos esperando que alguén os lea.

Anuncios

129 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

Tal día como hoxe de hai 129 anos morreu Rosalía de Castro na súa casa da Matanza, en Padrón. Consumida polo cancro, coa doente presenza dos seus seres amados desaparecidos antes ca ela, deixou unha imaxe que non se corresponde coa poetisa, alegre, riseira, optimista fronte aos moitos problemas económicos e persoais polos que pasou ao longo da súa breve vida, muller fortaleza da súa familia e do seu traballo que nin pediu tregua nin lle foi concedida nunca.

Prosista crítica e mordaz, articulista rabuda, crítica amable, e poetisa nai dunha cultura que lle concedeu a inmortalidade a cambio das suas letras. Con Rosalía pouco hai que facer máis que lela, ainda que a potencia da súa obra aínda permite continuas revisións, como as de María Pilar García Negro ou a de Anxo Angueira.

Na Editorial TRYMAR quixemos rendirlle homenaxe e este ano editamos a versión bilíngüe galego/inglés de Cantares Gallegos e de Follas Novas, coas que invitamos ao lector a retomar e ampliar o seu coñecemento rosaliano. A primeira foi traducida ao inglés por Elena Paredes nun traballo elegante e preciso, mentras que Follas Novas correu a cargo de Fran Morell, tradutor amante da obra rosaliana, blogueiro e crítico bragado dos máis sobranceiros nas nosas letras.

É a primeira vez que Follas Novas é traducido na súa integridade ao inglés, mentras que Cantares Gallegos foi editado o ano pasado ao inglés cunha axuda da Xunta de Galicia á editorial Small Stations por Erín Mouré. A edición de TRYMAR é evidentemente mellor, posto que inclúe o orixinal en galego, o que lle permite ser disfrutado na súa complexidade, por non mencionar o feito de que a súa disponiblidade é moito maior.

Presentación de editorial

Este venres 22 ás 21:00 horas, na librería O Fogar das Palabras, na rúa dos Castiñeiros 6 de Compostela, vaise dar a coñecer a editorial Acha Escrava. Acha Escrava é unha editorial de Noia nacida do colectivo literario Sacou. Ata o momento teñen editado tres títulos de poesía, Antítese nativa, de Manuel L. Rodrigue; Diáspora, de María N. Soutelo e Emily on the road, de Ramón Blanco.

Será particularmente interesante coñecer como afrontan o paso de afeccionados a autores a editores e en qué medida a ilusión e o talento poden compensar outros aspectos.

Premios Nacionais

Pode que fora para lle dar a Suso de Toro, pero o caso é que este ano os Premios Nacionais de Literatura e de Comic caeron en autores galegos. O primeiro foi para Manuel Álvarez Torneiro, pola súa obra Os ángulos da brasa. Poden atopar esta obra na Editorial Factoría K, liña da galega Kalandraka e que o ano pasado foi premiada polo Ministerio de Cultura pola súa labor cultural. A obra de Torneiro acumula varios premios, entre eles o da Crítica Española e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O Premio Nacional de comic foi para Miguel Anxo Prado pola obra Ardalén, que se pode atopar en Norma Editorial en castelán e El Patito Editorial a versión en  galego. Miguel Anxo prado xa leva recollidos os máis importantes premios que un autor de comics pode recebir dende do Salóin Internacional de Angouleme ata o de Barcelona.